Acompañámoste para coidar da túa saúde: un conto de mil mentiras”

  • Print

 

 

 

 

 

Antón Luaces

22 Outubro 2025
 

Sanidade privada ou pública?

A pregunta latexa desde vai moitos anos, pero nunca coa forza que na actualidade. 

 A sanidade pública beneficia a calquera cidadán español, mentres que a privada só afecta a aqueles que teñen subscrita a correspondente póliza.

 Da pública derívanse á privada numerosos doentes e, nos últimos tempos, son cada vez máis os que a sanidade pública deriva á privada, nomeadamente da terceira idade que, sendo os que máis cotizan ás compañías propietarias deses centros privados por mor dos problemas consecuencia da idade, non é menos certo que son -ao igual que acontece na sanidade pública-, os que máis gastos provocan. É unha circunstancia que cómpre asumir polos cidadáns ou é a resposta que a administración pública está a dar consecuentemente á redución orzamentaria que ano tras ano se ven rexistrando por ese apertarse o cinto das administracións autonómicas, únicas responsables neste eido do que acontece en toda España?

Cidadáns de comunidades autónomas coma as de Andalucía e Valencia veñen facendo pública a súa disconformidade coa resposta que dan os centros dependentes das respectivas administracións ás mamografías, con centos -talvez milleiros- de casos positivos que non foron atendidos en tempo e forma e que levou ás portadoras dos mesmos a acudir á sanidade privada.

O problema non é exclusivo das comunidades autónomas citadas ou da atención ás mamografías. Problemas clínicos como poden ser entre outros os de oftalmoloxía, cardioloxía ou traumatoloxía son trasladados duns a outros centros con absoluta impunidade e case sempre coa desculpa da tardanza en seren atendidos, cando non baixo a constatación de que a sanidade privada no pode atender coa mesma seguridade que a pública determinadas especialidades que, sendo cotiáns nos hospitais do Sergas, non o son tanto nos centros privados. Nestes son os propios profesionais os que redirixen aos seus doentes a hospitais do Sergas (Galicia) baixo a desculpa de que o público ten máis medios e os seguros privados “no teñen nada que facer ao seu lado”. 

Se é así, a que se debe o forte incremento que experimenta a sanidade privada en Galicia e España e non menos forte o incremento que se rexistra nas pólizas privadas subscritas por doentes da terceira idade?. Só importa o que paga un xubilado?. Estamos alimentando a sanidade privada polo interese económico?.