Os cumios da serra do Barbanza perderon vai anos aquela singularidade de espiña dorsal das rías de Arousa e Muros-Noia, por mor da crista metálica dos aeroxeradores que as distintas compañías produtoras de enerxía eólica foron instalando neles. Os rochedos e os montes nos que alindaban libremente ducias de cabalos -como antes o facía o gando vacún- deron paso ao zunido das aspas deses aeroxeradores que, nun número que a día de hoxe se achegan aos 250, baseándonos estimativamente en datos dados a coñecer o ano 2024 polo Instituto Enerxético de Galicia (Inelga), producen preto de 250 megawatios (MW) de potencia, capacidade dabondo para abastecer a medio millón de fogares.
Tanto no interior do Barbanza como pola zona costeira da mesma, son practicamente todos os concellos que conforman a serra os que aportan territorio que acubilla a esas ducias de “muiños” que xiran e xiran imparablemente mentres hai vento que os faga rolar. Máis é o de Mazaricos un dos de maior concentración eólica con máis dun cento destes aparellos.
Malia tal cantidade de aeroxeradores funcionando xa no territorio barbanzano, existe o convencemento -que se expresa en plans concretos presentados ao INELGA- da necesidade de repotenciar os parques eólicos ata chegar á vintena dos mesmos, aínda coñecendo sobradamente a negativa á instalación de sete novos complexos.
Na súa planificación do futuro dos parques eólicos, normativas e plans da Xunta impedirían esta expansión: preto de 200 aeroxeradores antigos serían retirados de diferentes zonas nos anos inmediatos.
