O nome das vítimas non se esquecen, malia que no seo das familias van perdéndose as pegadas que cada unha daquelas deixou en vida: Galicia non viviu en terra de seu as consecuencias dunha guerra que, directamente, non se desenvolveu no seu territorio, máis si no seo de milleiros de familias nas que a semente da envexa, o odio por calquera trapallada, un desacordo por nimio que este fose, eran motivo dabondo para que na noite zoaran proxectís de distinto calibre nas gabias de estradas que daban acubillo a corpos sen vida que no seu momento non recibiron as admonicións que o franquismo deixou nas mans de cregos que xogaron a políticos, de políticos que xogaron a xuíces, de xuíces que asumiron o rol de militares ou de militares que xogaron a deuses gardiáns das esencias patrias dunha terra que nunca foi de todos porque aquí, por moito que nos neguemos a recoñecelo, sempre houbo quen se proclamaba propietario dun ferrado de terra por pouco valor que esta tivese. Sempre houbo un amo mesmo para o canto do cuco.
Si, na guerra de España e durante moitos anos posteriores, gabias, cemiterios, valados, covas, furnas e semellantes estaban sinalados nos mapas mentais dos asasinos que realizaban “quitas” ou “sacas” que se convertían en desaparecidos que, grazas á vixente Lei da Memoria Histórica, van aparecendo, ciscados ou amoreados, nas vizosas terras dunha Galicia que aínda ten quen os chore.
Hai nomes de executores e executados. Hai lápidas nos corazóns de moitas familias que non poden fixar con exactitude por descoñeceren onde xacen os destinatarios da lembranza. Sabemos, non obstante, onde fican os restos de quen deixou hai 50 anos este mundo após unha longa agonía na que, sinxelamente, tempo tivo a repasar a súa extensa listaxe de condenados a morte, os derradeiros a escasos días do seu propio pasamento.
Na política de exterminio levada a cabo en Galicia hai familias practicamente enteiras, apelidos que contan para os que seguen a manter viva a memoria deles. Talvez tamén na das familias dos executores. E malia todo, aínda hai quen segue brazo en alto a lembrar as “excelencias” dun tempo que moitos galegos quixeramos non ter que situar no primeiro plano dunha historia que mellor fora non ter que relatar.
