Tentouno como autor literario e agora coma guía turístico a,bordo dun catamarán percorrendo os mares de Galicia, sobradamente coñecidos para el. Laureano Oubiña, ex-capo da mafia galega que tinguiu de loito moitas familias desta terra percurou unha ousadía que, desta vez, a Xunta non lle permitiu: poñer en marcha a “Ruta do Narcotráfico” polas rías galega para el tan coñecidas.
Foi un invento e un mal negocio que botou abaixo a Inspección de Turismo de Galicia.
Laureano Oubiña, o autor do proxecto, debeu entender que era chegado un outro momento de navegar nas memorias do contrabando de tabaco para, finalmente, embarrancar, na droga. Volve o fillo das ondas das narcolanchas, dixeron. Todo estaba listo para comezar unha nova andaina, desta vez o 29 de agosto, cousa de días. O excapo que tanta dor trouxo ás familias galegas poñía ás costas o chaleque de mareante. Pero o proxecto non acadou a resposta agardada: incumpría a lei de Turismo de Galicia de 2011 e a ruta marítima era xestionada por unha empresa que semellaba non ser a máis axeitada para asumir actividades turísticas, o que suporía unha vulneración da normativa vixente dado que a comunidade autónoma galega reserva este tipo de servizos exclusivamente a axencias de viaxes autorizadas. E a oferta de Oubiña é, segundo a Xunta, un “paquete turístico”. Como o puido ser pasar do contrabando de tabaco ao narcotráfico. A comercialización era responsabilidade dunha firma adicada decote á venda de libros, merchandising e viños do propio Laureano Oubiña, pero carente de permiso para operar no sector turístico. Pode ser, tamén, que xa non se comunga con rodas de muíño.
“Ruta do contrabando en barco” ou “Ruta do narcotráfico” eran os atraentes nomes cos que Oubiña tentaba revivir -a bordo dun catamarán quen de facer unha travesía de nove horas de duración con 250 pasaxeiros, con saída e chegada ao porto do Grove e visitas ás illas de Cortegada, Sálvora e Ons. O propio Oubiña coma mestre de cerimonias, relatando episodios das descargas, primeiro, de tabaco e posteriormente de haxix, que tanta dor ocasionaran nos anos 80 e 90 do século pasado. Un ex-capo da mafia galega relatando -con coñecemento de primeira man- as “aventuras” que comezaran a ser de estraperlista, para seguir coas descargas de café, gasóleo, tabaco e, finalmente, haxix. Relatos para non durmir no mar de Arousa, pasando polas memorias políticas, narcoavogados, tráfico de armas, pazos, viños e acusacións das nais contra a droga.
Como para recomezar!.
