Di que non foi capaz de durmir en toda a noite e toma tranquilizantes para combater a ansiedade. «Co paso das horas doume conta do que sucedeu e da sorte que tiven», relata Emilio Rojo Alfeirán, veciño de Barizo de 55 anos de idade que foi rescatado a última hora da tarde do martes cando o seu iate, Malante I, sufriu un incendio que lle obrigou abandonalo. Minutos despois era rescatado por Luis de Cances, veciño de Barizo, o único tripulante da lancha Suiza
-¿Como se atopa?
-Pasei un mal trago, menos mal que había outro barco cerca, senón o mar levábame contra as rochas das Sisargas. No momento do incendio estaba a menos de 200 metros de terra e o mar de fondo tiraba forte cara a costa.
-¿Non foi arriscado ir só para comprobar o estado da embarcación?
-Teño saído dos portos de Corme e da Coruña no Malante I con forza oito no mar e non pasar nada. Teño experiencia e coñezo ben esta zona. Quería recargar as baterías do iate que mas puxera novas un electricista.
-¿E que pasou?
-Saín de Malpica sobre as seis e dez da tarde. Era case de noite. O barco ía ben. Cando cheguei a altura do Chalreu [primeiro tramo rochoso segundo se entra nas Sisargas] o motor de estribor parou de súpeto. Baixei e cebeino. Volvín á ponte e arranqueino. Todo parecía ir normal ata que ao pasar 300-400 metros, o motor de estribor volveuse a parar. Intentei facer a mesma manobra de antes pero xa non acendeu. Entón orixinouse o incendio. Intentei sufocalo pero vin rapidamente que era imposible porque o vento expandía as lapas con suma rapidez. Collín o chaleco, chamei por radio, e colleu Luis de Cances, que nese momento andaba pola zona e tirei a balsa salvavidas. O problema é que no momento de saltar esvarei e caín ao mar.
-¿Temeu o peor?
-Non, comecei a nadar e alcancei a balsa e agarreime a ela. Non cheguei a subir porque nese intre apareceu Luis e subiume á súa embarcación. Tiña moito frío e síntomas de hipotermia pese a que estiven no auga uns tres minutos. Luis axudoume a quitala roupa e prestoume un xersei e un chaleco e avisamos á Salvamento Marítimo, que a súa vez enviou a embarcación Tara.
-Pero non me negará que tivo sorte. De noite e coa forte ondada que había na zona que o poida contar.
-Home si. De feito agora empezo a ser consciente do que me puido pasar e que estou vivo para contalo.
-¿Sabe que foi do seu iate?
-Cando subín á Suiza vin como o mar levaba o Malante I ata as rochas, onde acabou encallado en medio das lapas. Non sei se afundiu porque intentei esta mañá [por onte] ir ata as Sisargas pero foi imposible debido ao mal tempo. Haberá que esperar.
-¿Cal cre que foi a causa do suceso?
-Temo que foi unha fuga de gasoil porque segundos antes do incendio había un forte olor a combustible. Sospeito que foi a bomba que estaba en mal estado que xerou a fuga.
-O«Malante I» tiña dous motores. Cando se lle apagou o de estribor porque non intentou continuar co de babor?
-En condicións normais, sen mar de fondo, sen ondada, e facendo as correccións oportunas pódese enderezar o rumbo. O problema é que co mal que estaba o mar neses momentos o barco viraba cara as rochas e era imposible manter a ruta. Por iso tratei de prender o motor de estribor.
-Vostede usaba ese iate para facer rutas turísticas pola Costa da Morte. ¿Pensa continuar coa actividade?
-É un pouco cedo para falar diso porque teño que avaliar os danos no barco, ver se está a flote, ou non, e ver canto costa a reparación e si compensa facela. Hoxe [por onte] chamei á compañía de seguros para dar parte pero ata que as condicións do mar melloren e se recupere o iate, si se pode, non saberei a ciencia certa se podo continuar coa actividade.
Emilio Rojo Patrón do«Malante I»

