Os seis tripulantes dun pesqueiro foron rescatados tras afundirse a embarcación na entrada da ría de Muros e Noia, segundo informou o servizo de emerxencias.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 08:40 horas a través dun aviso de Salvamento Marítimo, que solicitaba asistencia sanitaria no peirao de Porto do Son tras o afundimento do barco.
Segundo indicaron, foi outra embarcación que se atopaba na zona a que logrou rescatar aos seis mariñeiros, que caeran á auga no momento do incidente.
Desde a central de emerxencias mobilizáronse efectivos do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como da Garda Civil, da Policía Local e do Servizo de Gardacostas de Galicia.
No peirao de Porto do Son agardaba unha ambulancia para atender aos tripulantes, que, aínda que non presentaban feridas de gravidade, atopábanse nerviosos debido ao sucedido. As circunstancias do afundimento están a ser investigadas.

