Antón Luaces.- Un último informe de dous membros da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) ratifica a responsabilidade de Juan Padín, patrón do pesqueiro de Marín, no afundimento en augas de Terranova do “Villa de Pitanxo”: unha manobra temeraria causou a parada de máquinas, o que motivou o afundimento do barco.
O naufraxio do pesqueiro de Marín producíuse o 15 de xaneiro de 2022. O último informe sobre esta traxedia recolle que o patrón do arrastreiro mentiu cando declarou que se fora a pique a causa da parada de súpeto do motor. Pola contra, os peritos da CIAIM coidan que a manobra “temeraria” do capitán foi a causante de que parara máquinas e que o arrastreiro afundira.

