“Italia ten un plan para enviar a Albania migrantes ilegais”.

Antón Luaces

20 Outubro 2024

Todo o bordo litoral sur de Europa -dende Portugal a Grecia, pasando por España e Italia- ten unha longa historia de migrantes a Estados Unidos de América, moitos deles con parada e fonda por tempo indefinido na cercana illa de Ellis (Nova Iorq) a onde, entre 1855 e 1890, non menos de oito millóns de inmigrantes agardaron no centro de control polo permiso para accederen á Gran Mazá. Italianos, españois e gregos formaron parte daquelas enormes “remesas” de homes e mulleres cansos de mal vivir que ían a América (cando na realidade pensaban na cidade dos rañaceos) para poderen mudar a súa sorte. Non todos, nen moito menos, o acadaron. Como tampouco o fan os migrantes que, dende África, percuran hoxe en día, unha vida mellor para eles e os seus en Europa. Aínda que para iso embarquen en fráxiles lanchas a nenos en idade escolar que converten o Mediterráneo nun inmenso cimeterio infantil.

Nos últimos días, con inmigrantes enviados dende Italia a Albania estamos a revivir os tempos de Ellis Island: 12 cidadáns de Exipto e Bangladés marcan o que moi ben pode ser un camiño semellante ao realizado cando a guerra civil española por milleiros de compatriotas nosos que fuxían do fascismo aquí instalado a territorio de Francia supostamente de acollida de represaliados ou soldados que perdían a guerra iniciada en 1936. Mulleres, nenos e homes de distintas idades (entre eles soldados republicanos) souberon da “axuda” francesa en campos de concentración galos semellantes a aqueles que, en Albania, repiten experiencias cos deportados por Italia en troques de diñeiro e a promesa de axuda para a futura entrada dos albaneses no seo da Unión Europea.

Unha ducia de homes que forman parte do primeiro “envío” a Albania de migrantes chegados por mar a Italia e que este país, sen ter en conta os dereitos dos refuxiados ou o dereito de asilo, remite a Albania como parte do plan deseñado pola primeira ministra italiana Giorgia Meloni co apoio da estrema dereita europea (nomeadamente a española), que non queren ver que os mandan a centros de tramitación de asilo para inmigrantes e refuxiados (CPR) no canto de seren acubillados en Italia, país da UE que os recolleu no mar e que por mar foron levados á cercana Albania. Entre os primeiros, dous bangladesíes menores de idade non acompañados, e dous adultos enfermos que desminten o que a propia Miloni dixera:”só enviaremos homes, adultos e con boa saúde”.

Velaí.

Un tribunal acordou o retorno a Italia dos migrantes enviados a Albania. Máis a primeira ministra italiana insiste no seu plan, este aplaudido polos partidos da estrema dereita española, sabedores de que o sistema aplicado por Italia baséase na “desconxestión” dos centros de acollida italianos e que serva para disuadir a outros migrantes que tenten chegar a Italia. 

O “modelo Albania”, sen embargo, non soluciona o problema. E menos aínda en países tradicionalmente migrantes como os do sur de Europa. 

E por riba, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, non desbota o proxecto italiano, do que dixo que “se podería estraer unha leción interesante”.

Quen llo ía dicir aos milleiros de italianos chegados a Nova Iorq coma inmigrantes ilegais.