Permítame lector/a que me corrixa a min mesmo por ter comentado críticamente a decisión adoptada cando o buque Prestige era afastado polos remolcadores e permanentemente controlado por buques de Salvamento Marítimo e da Armada española. O obxectivo non era outro daquela que afastar o Prestige da costa galega, onde permanecía dende que a súa proa apuntou cara a Costa da Morte aquel inesquecible 13 de novembro de 2003, preludio do seu afundimento seis días máis tarde após partirse en dous no intento de se dirixir, probablemente, a un porto de África, feito que o obrigaba a navegar fronte á costa de Portugal e en contra do que as autoridades lusas propoñían daquela.
Esta semana, Portugal sentiu de preto o medo a que, 21 anos máis tarde, puidera repetirse aquela terrorífica película do Prestige na que España tentaba enviar ao buque con bandeira de Bahamas primeiro ao noroeste de Galicia para, posteriormente, redirixilo rumbo ao sur malia a oposición clara de Portugal a que o Prestige pasara fronte á súa costa.
Pasou, pasou. E afundiu sen que nin España nin Portugal puideran evitalo: a máis de 2.000 metros de profundidade, o ministro Mariano Rajoy -posteriormente presidente do Goberno español- descubriu uns “hilillos de plastilina” que daban fe do naufraxio. Portugal nada dixo, máis aló de poñer cara de póquer diante dos feitos consumados. A mesma faciana que agora pon cando se fala da avaría na máquina do petroleiro de bandeira das Illas Marshall Nissos Rhenia cunha carga de 150.000 toneladas de diésel.
Posicionado a unhas 24 millas da costa de Viana do Castelo, o citado petroleiro repara máquinas ás portas da fronteira sur de Galicia con Portugal, sendo moi probable que arrinque máquina este mesmo xoves para se dirixir ao porto francés de Le Havre.
A Consellería do Mar vén de solicitar información sobre o acontecido. Primeiro ao centro de control marítimo de Fisterra e despois á Dirección Xeral da Mariña Mercante sobre as condicións do buque avariado, o tempo de reparación deste e a posta en marcha da súa máquina, tendo en conta que o Nissos Rhenia pasará, moi probablemente, polo Dispositivo de Separación de Tráfico Marítimo de Fisterra (ou perto del) con esa carga de 150.000 toneladas de diésel -algo máis de dúas veces a carga do Prestige- que alguén confundiu, lamentábelmente, con 150.000 litros.
Talvez cando un ten que decidir sobre a permanencia ou non perto da costa dun petroleiro con avaría na máquina e esa perigosa carga a bordo do mesmo, o primeiro que pensa é en alonxalo da costa e rezar para que non se volva falar dos famosos “hilillos de plastilina” de don Mariano. Talvez.
Vaite, afástate, non me comprometas, que aínda lembro a quen propuxo bombardear o Prestige para queimar no mar a súa carga e chamuscar algún muxo. Pouca cousa.