“Cen anos e máis de vida, a prol do sector pesqueiro: as confrarías”

 

 

 

 

Antón Luaces

09 Novembro 2024

Existen, malia os moitos atrancos que deben superar no día a día. Perviven, por moito que outras entidades -entre estas os sindicatos posfranquistas- tentaran a súa desaparición. E moitas delas superan xa os primeiros cen anos de vida no Estado español. Son as confrarías de pescadores que, como días pasados as de Aguiño-Carreira e Burela (anteriormente outras xa desaparecidas da provincia de Pontevedra e varias do Mediterráneo) festexan á súa maneira eses primeiros cen anos dunha que, seguro, será moi longa e froitífera existencia. 

Un século de vida, se ben como institucións naceron como pósitos para pasaren a se denominar oficialmente confrarías no ano 1917. 

Todo parte da morte de 150 pescadores bascos na inesquecible galerna rexistrada o 12 de agosto de 1912 no Cantábrico. Deste xeito quedou en evidencia a falta en España dun sistema de protección que dera acubillo aos sobreviventes e familias dos finados no mar. 

Neste senso cómpre lembrar que, tanto na Coruña como en Pontevedra, os daquela “pósitos” dispoñían de igrexas (na Coruña a actual capela castrense de Santo André, con cimeterio propio no lateral dereito do templo) e mesmo unha rede de vivendas que se cedían aos familiares en primeira liña do mariñeiro morto no mar e que foi, en grande medida, o nacemento na Coruña do actual barrio de Monte Alto.

Para que as daquela institucións cooperativas poideran manterse, nacía en 1919 a Caixa Central do Crédito Marítimo que, xa en 1930, pasaría a ser o Instituto Social da Mariña (ISM), grazas ao pulo dado nese senso polo seu primeiro director, Alfredo Saralegui. 

Entre os anos 1921 e 1929 foron creados 190 pósitos de pescadores con 33.729 asociados, se ben sería en 1944 cando os pòsitos pasan a ser confrarías de pescadores, dende o seu nacemento interlocutores válidos para a Administración a través do ISM.

No último ano foron varias as confrarías españolas que celebrararon o seu primeiro centenario de vida: as xa citadas de Aguiño-Carreira e Burela, e as de Barallobre, Cala Ratjada, Celeiro, Fisterra, Guardamar, Marbella, Portosín e Tarifa. Anteriormente, as da Rápita (2019), Roses (2020), Ibiza (2022), etc.

En Europa non existen institucións semellantes, o que dificulta o entendemento real da función que desempeñan na confluencia de patronos e traballadores (armadores e mariñeiros). Son entidades democráticas que dan voz e voto a todos os socios. Mesmo foi así nos tempos da ditadura franquista, con preto de 30.000 afiliados.

As confrarías existen en todo o litoral español con máis de 220 entidades, das que en Galicia perviven máis dun 25% delas.

Son asociacións que posibilitaron o avance económico, social e cultural  do colectivo de traballadores da pesca, sector que contou con esas entidades a prol da modernización do traballo  e as melloras na comercialización que permiten beneficios para o mariñeiro, amáis de pulo na defensa e coidado do entorno mariño mediante a práctica dunha pesca responsable maioritariamente, a limpeza do medio ou as paradas biolóxicas.

Outras actividades das confrarías teñen que ver coas xestións relativas ás subvencións, normativas, Seguridade Social, certificados, axudas, asesoramento, declaración da renda ou compra conxunta de gasoil para os barcos.

Por outros cen anos máis.